
Polos que non sabemos cal empregar cando temos que devolver un balón aos cativos que xogan na rúa.
Polos que tardamos máis do habitual en aprender a empregar unhas tesoiras (e mesmo choramos por iso).
Polos que xa demos por imposibles os abrelatas.
Polos que non entendemos como alguén pode escribir cun folio xirado a noventa graos.
Polos que vemos como bailan as nosas letras porque non somos quen de seguir unha liña recta.
Polos que nos enchemos as mans de tinta e deixamos as manchas de recordo nas libretas.
Polos que facemos malabares para empregar os bolígrafos, analóxicos e dixitais, con cordóns no mostrador do banco.
Polos que damos voltas arredor do Mundo nunha órbita contraria.
Polos zurdos, por todos os que nacimos diferentes dalgún xeito e por todos os que abrazan esas diferenzas como se fosen propias.